12 agosto 2014

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO SOLICITANDO DO GOBERNO LOCAL A IMPLANTACIÓN DO TALÓN COMEDOR PARA AS PERSOAS MÁIS NECESITADAS e INSTANDO AO GOBERNO DE ESPAÑA A REFORZAR O FINANCIAMENTO PÚBLICO DESTINADO A GARANTIR O DESENVOLVEMENTO E APLICACIÓN DO PROGRAMA EUROPEO DE AXUDA ALIMENTARIA ÁS PERSOAS MÁIS NECESITADAS.



EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A crise económica e as políticas de recortes de dereitos en sanidade, educación e política social levadas a cabo polo Goberno de España están a contribuír a ampliar a desigualdade social. Ante esta dramática situación, faise absolutamente necesario reforzar, por parte das Administracións Públicas, a atención directa aos cidadáns que se encontran en situación de pobreza ou exclusión social.

Un dos instrumentos cos que conta o Goberno de España é o Plan de axuda alimentaria aos máis necesitados (PEAD), establecido pola Unión Europea e xestionado a través do Fondo Español de Garantía Agrícola (FEGA). Este Plan trata de poñer a disposición das persoas necesitadas, de forma gratuíta, alimentos básicos de calidade. 

No Plan do ano 2013 a asignación correspondente a España ascendeu a 85,6 millóns de euros. O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), responsable da execución do Plan, comprou mediante un procedemento de licitación un total de 80 millóns de quilos de alimentos: aceite de oliva, legumes (lentellas e garavanzos), arroz, leite UHT, queixo, macarróns, fariña, galletas, froita en conserva sen azucre engadido, feixóns verdes en conserva, tomate frito, cereais infantís e potitos. Segundo información do FEGA, esta cesta de 14 produtos, de doado transporte e almacenamento, pouco perecedoiros e, sobre todo, de carácter básico, permitía preparar doadamente unha comida completa para unha persoa ou para unha familia con varios membros, incluídos bebés.

En 2013 Cruz Vermella Española e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), designadas polo FEGA, distribuíron en todas as provincias o total dos alimentos, nunha proporción do 50% cada unha, a máis de 9.000 entidades benéficas que, á súa vez, atenden a máis de 2.000.000 de persoas cuxa situación económica ou familiar de necesidade, lles impedía adquirir alimentos de forma regular.

Para a execución do Plan 2014 o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a través do FEGA, comprou mediante un procedemento de licitación pública os seguintes alimentos: arroz, lentellas, leite UHT, macarróns, galletas, feixóns verdes en conserva, tomate frito, leite de continuación e potitos.

Apréciase unha significativa redución do número de produtos da cesta básica, que pasa de 14 en 2013 a só 9 en 2014. Desapareceron alimentos tan importantes como o aceite, os garavanzos, o queixo, a froita en conserva sen azucre engadido e os cereais infantís. A pesar diso, o propio FEGA, sostén que esta cesta permite que as persoas desfavorecidas poidan preparar doadamente unha comida completa para unha persoa ou para unha familia con varios membros, incluídos bebés. 
É evidente que se produciu unha mingua significativa na calidade e variedade dos produtos básicos que integran a cesta. Pero ademais, numerosas organizacións están a denunciar unha importante diminución na cantidade de alimentos que se están a repartir.

Por outra banda, no PSdeG-PSOE de Arteixo levábamos no programa electoral a creación dun TALÓN RESTAURANTE para os nosos maiores que axudase, a aqueles que teñen máis problemas económicos ou sociais a ter unha alimentación sana e variada, ademais de favorecelo negocio da hostalaría local, dende fai tres anos, a situación económica dos cidadáns do noso concello empeorou substancialmente e o número de parados e de familias en risco de exclusión social aumentou, polo tanto é necesario aplicar medidas que garantan unha alimentación sana e variada entre todos os nosos cidadáns e non só os maiores, polo que ademais da existencia das becas de comedor escolar, dende o Grupo Municipal Socialista cremos necesaria a implantación dun TALÓN RESTAURANTE para os nosos xubilados maiores de 60 anos, para os nosos mozos en idade escolar que non gocen de comedor escolar, para as mulleres maltratadas e para todos aqueles veciños que estean en risco de exclusión social, talón que por un prezo alcanzable, garanta unha alimentación sana e variada para todos os nosos cidadáns,  ademais de favorecer a aqueles hostaleiros que desexen conveniar dito servizo coa nosa administración.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo somete a votación a seguinte MOCIÓN, e a adopción dos seguintes acordos:

Instar ao Goberno de España a:

1) Reforzar o financiamento público destinado a garantir ás persoas máis necesitadas alimentos básicos de calidade, a través dos Presupostos Xerais do Estado, no marco de políticas de cohesión para a inclusión social e o apoio aos servizos sociais de integración prestados polas administracións públicas e entidades asociativas colaboradoras para a atención dos colectivos afectados.

2) Garantir que o Plan de axuda alimentaria para 2014 proporcione aos seus beneficiarios unha cantidade de produtos básicos suficiente para cubrir as súas necesidades.

3) Garantir que o Plan de axuda alimentaria para 2014 proporcione aos seus beneficiarios unha calidade e variedade de produtos igual ou superior á que ofreceu o Plan de 2013.

Instar ao Goberno Local de Arteixo á creación dun TALÓN RESTAURANTE conveniado cos negocios de hostalaría do noso concello para os nosos maiores, estudantes, mulleres maltratadas e cidadáns en risco de exclusión social, que garanta unha comida sana e variada por un prezo axustado ás economías de ditos colectivos.  

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.