16 febrero 2016

Moción sobre o día de Rosalía de Castro promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro “Cantares Gallegos”, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.

A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

Por todos estes motivos a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Arteixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal os seguintes ACORDOS:

Declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía no noso concello.

Emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas do noso concello o 24 de febreiro, data recollida oficialmente pola Consellería de Cultura no seu Calendario do Libro e da Lectura.

Realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do concello na que o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.